Moito en xogo para Teucro e Cangas na "festa do balonmán galego"

Pontevedra
07 de decembro 2018

O Municipal pontevedrés prepárase para vivir este sábado (20:30 horas) o derbi autonómico con dous importantes puntos en xogo na pelexa pola permanencia na Liga Asobal. Iván Fernández, baixa no  Teucro ata final de ano

Adestramento do Teucro 2018/2019
Adestramento do Teucro 2018/2019 / Mónica Patxot

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra prepárase para vivir este sábado (20:30 horas) toda unha "fiesta del balonmano gallego" co derbi entre a Sociedad Deportiva Teucro e o Balonmán Cangas.

Así cualifica Luís Montes o duelo ante os veciños, un deses partidos "especiales", asegura, e no que haberá moito en xogo na loita pola permanencia na liga  Asobal, non en balde os locais suman 7 puntos na competición sendo o primeiro equipo que se salvaría do descenso e o Cangas ocupa a última posición con 5, despois de empatar entre semana ante o Granollers.

Nese encontro debutou xa o lateral francés Johan Boisedu, recente incorporación dos do Morrazo e "un xogador que lles vai a achegar moito", recoñece Montes.

Pola súa banda o Teucro chegará á cita coa baixa por lesión de Iván Fernández, que cunha rotura de fibras na zona isquiotibial non volverá xogar antes do parón do Nadal. O resto de xogadores que arrastran molestias e que mesmo non viaxaron o martes a Barcelona como Cangiani ou  Moyano, si estarán previsiblemente na convocatoria. Tamén Juan Quintas, que cre que estes partidos son "un caso especial" nos que "con la adrenalina que genera no notas dolor" aínda que se afronten con problemas físicos.

O pivote teucrista espera un duelo "igualado y muy intenso", como bo derbi, e do mesmo xeito que o seu adestrador confía nun importante apoio por parte do público para tentar que os 2 puntos queden na capital provincial.

As entradas para presenciar o choque mantéñense con respecto a outras citas da tempada, con 15 euros para o público xeral, 10 euros as categorías bonificadas e 5 euros a entrada infantil.

Os colexiados serán os galegos García Mosquera e Rodríguez Rodríguez.