Molestias nunha perna obrigan a Pablo Dapena a abandonar na última Copa del Mundo do ano

Pontevedra
26 de outubro 2015

A pesar deste revés, Pablo Dapena seguirá en Asia uns días, xa que o próximo 1 de novembro participará na Copa Asiática de tríatlon que se disputará en Hong Kong

Pablo Dapena, nunha das transicións da Copa de Europa de Banyoles
Pablo Dapena, nunha das transicións da Copa de Europa de Banyoles / Federación Galega de Tríatlon

Despois de oito meses de competición en diferentes localidades de todo o planeta, a Copa do Mundo de Tríatlon chegou á súa fin o pasado sábado cunha última proba en Tongyeong (Corea do Sur).

Era a última oportunidade este ano para que os atletas puidesen sumar puntos para a clasificación olímpica e nela participaba un pontevedrés, Pablo Dapena. Pero unhas molestias na perna, que arrastraba desde facía uns días, impedíronlle render a un bo nivel e tivo que abandonar antes de terminar a carreira a pé. 

Mellor sorte correu o seu compañeiro, David Castro, que alcanzou a segunda posición e colgouse a medalla de prata tras o británico Matthew Sharp.

Pablo Dapena comezou moi ben a proba en terras coreanas. Saíu de auga, tras 1,5 quilómetros nadando, nas primeiras posicións a escasos segundos do líder, o estadounidense Ben Kanute. Xunto a Castro, establecéronse nun folgado pelotón cabeceiro ao principio dos 40 quilómetros sobre a bicicleta.

Ao remate da primeira volta do circuíto ciclista, a totalidade dos contendentes circulaba nun único grupo, con ambos os españois controlando as cinco voltas do percorrido desde metade do bloque. Chegados á última volta do tramo os dous españois manobraron para situarse para unha entrada masiva na segunda transición. Pero foi na carreira a pé onde a dor se fixo insoportable para Dapena.

O pontevedrés explicaba a través da súa conta de Twitter que "saín a correr desde o principio con dor, aínda que soportable", pero só puido aguantar ata o terceiro dos dez quilómetros deste último segmento. A perna díxolle basta e viuse obrigado a abandonar.

A pesar deste revés, Pablo Dapena seguirá en Asia uns días, xa que o próximo 1 de novembro participará na Copa Asiática de tríatlon que se disputará en Hong Kong.