Momento clave da tempada para o Teucro

Pontevedra
24 de marzo 2015

Os azuis, que contan con sete puntos de vantaxe sobre a segunda praza, enfrontaranse nas próximas semanas aos seus catro perseguidores inmediatos, empezando de xeito consecutivo co Atlético Valladolid na casa e Sinfín a domicilio

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

Os dous próximos encontros poden deixar practicamente sentenciado o ascenso directo do Teucro á máxima categoría do balonmán nacional, ou pola contra provocar que a loita se estenda ata a última xornada ligueira.

Os azuis chegan ao momento clave da tempada nun bo momento físico, sen lesións e tras superar a crisis de xogo provocada pola ausencia de varios dos seus xogadores. Fano ademais asentados no liderado cunha substanciosa renda de sete puntos sobre o segundo clasificado cando restan sete xornadas, é dicir, 14 puntos en xogo.

Nesas sete xornadas o cadro pontevedrés deberá enfrontarse aos seus catro inmediatos perseguidores (Sinfín, Valladolid, Barcelona B e Alcobendas), inmersos nunha loita encarnizada por asegurarse a súa presenza na fase de ascenso.

Para empezar, os de Quique Domínguez recibirán o próximo sábado (20:00 horas) no Municipal ao Atlético Valladolid, equipo deseñado para ascender á Liga Asobal e que marcha terceiro na táboa, mentres dentro dunha semana terán que visitar a pista do segundo clasificado, o Go Fit Sinfín.

Tras eses partidos chegará a quenda de rivais máis modestos como Bordils e Zarautz antes de recibir ao Barcelona B e viaxar a Alcobendas. Faltará entón só unha xornada para rematar a liga regular, a que enfrontará aos pontevedreses contra Palma del Río.

EXAME FÍSICO PARA O PRIMEIRO PLANTEL

Durante a xornada de descanso deste luns, os xogadores do primeiro plantel azul acudiron a un gabinete deportivo, Gadepa, para realizar unhas probas cineantropométricas, que permitirán elaborar un estudo detallado da forma física de cada xogador.