Momento de decidir sobre Derik Osede: "Esta semana ou a que vén ten que ser definitiva"

Pontevedra
11 de agosto 2022

O central madrileño, a proba no Pontevedra, disputou os 45 primeiros minutos do partido no Vao fronte ao Coruxo, na súa primeira proba seria esta pretempada. "Era o momento de velo", recoñeceu tras o choque Antonio Fernández, que agora espera "seguir vendo a súa evolución en adestramentos"

Derik Osede, no partido amigable entre Coruxo e Pontevedra no Vao
Derik Osede, no partido amigable entre Coruxo e Pontevedra no Vao / PontevedraViva

Achégase o momento da verdade para Derik Osede e o seu futuro no Pontevedra Club de Fútbol.

O central madrileño, que se atopa a proba, foi unha das novidades no once inicial que presentou o equipo adestrado por Antonio Fernández este mércores no Vao, tras non poder case participar ata a data ao resentirse de problemas físicos no pouco tempo que estivo sobre o terreo de xogo no Trofeo Luís Otero.

"Hoxe era o momento de velo, e por precaución despois de tanto tempo parado acumular máis minutos era un risco moi grande, porque se se volve a lesionar sería definitivo", sinalou tras o duelo o técnico, un partido no que Derik formou os primeiros 45 minutos sendo substituído ao descanso por Churre.

Chegados a este punto "hai que seguir vendo a súa evolución agora en adestramentos, porque levaba moi poucas sesións de traballo antes de xogar hoxe, pero loxicamente queremos velo", explicou Antonio.

En todo caso a hora de tomar unha decisión sobre se se acomete a súa fichaxe está moi preto, tanto que "entendo que esta semana ou a que vén ten que ser definitivo xa", confirmou a pé do céspede do Vao o adestrador granate.

Cabe lembrar que Derik Osede incorporouse aos adestramentos do Pontevedra a proba tras acumular a última campaña e media en branco entre o Alcoyano e o Deportivo, onde sufriu unha grave lesión no tendón de Aquiles.

MIGUEL ROMÁN

Tamén se referiu Antonio Fernández á situación xerada ao redor do Miguel Román ante o interese mostrado por equipos de superior categoría en contratalo. A este respecto o preparador pontevedrés defendeu que "o único que podo dicir é que Miguel está a adestrar a un nivel altísimo, está a xogar a moi bo nivel e eu creo que a el non lle está afectando en nada. É xogador do Pontevedra e mentres sexa xogador do Pontevedra hai que utilizalo ao 100%".