Montañeiros pontevedreses conquistan o pico máis alto do norte de África

Pontevedra
19 de abril 2017

Cinco montañeiros do Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo completaron unha expedición á cordilleira do Alto Atlas, situada en Marrocos e que conta coas maiores altitudes de todo o norte de África. Fixeron cima no monte Toubkal, a 4.167 metros de altura

Expedición do Club Aromon Montañeiros A Roelo á cordilleira do Alto Atlas
Expedición do Club Aromon Montañeiros A Roelo á cordilleira do Alto Atlas / Club Aromon Pontevedra

Un equipo formado por cinco montañeiros do Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo conquistou o pico máis alto do norte de África, o monte Toukbal (4.167 metros de altura).

Aproveitando a Semana Santa a expedición formada por María Jesús Abilleira, Gonzalo Mucientes, Alberto Cidras e dous compañeiros máis (M.P.C.R. e M.M.C.), dirixiuse á cordilleira do Alto Atlas, en Marrocos, para afrontar o desafío.

Todo comezou o 10 de abril en Marrakech, lugar desde o que partiron en dirección ao poboado de Imlil (1.700 metros de altitude), porto base de saída para atacar esta montaña. Desde esa localidade os montañeiros tiveron que afrontar unha marcha de 5 horas de trekking ata o refuxio de Lles Mouflons (3.200 metros).

Ao día seguinte, observando as boas condicións climatolóxicas, optaron por atacar o monte Toubkal pola vía do Ikhibi Sur, a habitual, facendo cima previamente no Toubkal Oeste (4.030 metros). Unha vez na cima, a 4.167 metros valoraron descender pola vía norte e recoñecer así os restos dun avión militar accidentado hai anos, pero ao empeorar o clima decidiron baixar pola vía máis común.

Tras a fazaña, ao terceiro día exploraron novas rutas para ascender tamén á segunda e terceira cumes máis altas da cordilleira do Atlas. Para iso marcharon polo val en dirección ao collado de Tizi n?Ouagam, onde comeza un traxecto técnico mixto de roca e neve ata chegar ao canchal previo ao pico Ras n´Ouanoukrim (4.083 metros de altura), para posteriormente descender un pequeno collado e alcanzar o Timzguida (4.089 metros).

Coa satisfacción de lograr todos os seus obxectivos, os expedicionarios comezaron entón o descenso cara ao refuxio nunha marcha de 7 horas que se efectuou por unha gran pa de neve.

Como guinda á expedición, afrontaron antes de comezar o camiño de regreso España o ascenso ao pico de Aguelzim (3.547 metros), desde onde puideron completar unhas impresionantes vistas do val de Azzaden.