Móstoles, exame ao bo inicio de liga do Poio Pescamar

Poio
26 de outubro 2018

O equipo vermello, que gañou os dous encontros disputados ata a data, recupera a Iria Saeta para o desprazamento á comunidade madrileña e só contará coa ausencia de Antía por lesión

Partido entre Poio Pescamar e Zaragoza na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Zaragoza na Seca / Diego Torrado

Ata Móstoles desprázase o Poio Pescamar na quinta xornada de liga da Primeira División, terceiro partido para o cadro vermello polos adiamentos derivados dos Xogos Olímpicos da Mocidade.

As xogadoras adestradas por Dani Díaz queren confirmar o seu bo arranque e manterse invictas para achegarse á zona alta da clasificación, superando a un rival que suma por agora 4 puntos e no que destacan a veterana Patri Chamorro e a xaponesa Shiori.

Para iso o técnico poderá contar con case todo o seu plantel dispoñible, xa que só a lesionada Antía perderá unha cita na que regresa Iria Saeta. 

Tamén Silvia entrou na convocatoria tras o seu periplo coa selección nacional, conformando así unha lista na que, ademais da gardameta, figuran Irene Floriani, Ale de Paz, Carol Agulla, Jenny Lores, Iria Saeta, Irene García, Ceci, Jessi Motato e Dani Sousa.

O partido disputarase este sábado desde as 18:30 horas no pavillón Villafontana da localidade madrileña de Móstoles.