Movementos no Peixe Galego, que dá a baixa a Cabanas e reforza a súa liña exterior

Marín
09 de xaneiro 2017

O club marinense confirma a contratación de Jorge Romero, base cunha ampla experiencia na liga LEB Ouro e que procede do Breogán. Ademais Mario Cabanas chegou a un acordo coa directiva para a súa saída

Mario Cabanas, no partido entre Peixe Galego e Unión Financiera Oviedo
Mario Cabanas, no partido entre Peixe Galego e Unión Financiera Oviedo / Cristina Saiz

O Peixe Galego xa ten ao sustito de Alec Kobre, que abandonou en decembro a entidade marinense deixando minguada a liña exterior do equipo.

O club peixe confirmou este luns a contratación de Jorge Romero, base canario de ampla traxectoria na liga LEB Ouro tras pasar por equipos como o Tarragona, Club Baloncesto Peñas de Huesca ou Palma Air Europa.

O útlimo equipo de Romero foi o Breogán de Lugo, ao que chegou no verán e no que non contou con demasiado protagonismo, promediando 3,7 puntos nos 7 partidos que disputou.

Non é o único movemento no equipo marinense, que ademais chegou a un acordo con Mario Cabanas para rescindir o contrato que os unía.

A saída do pívot coruñés, que non chegou a mostrar todo o seu potencial en Marín, deixa agora un oco na rotación interior que podería ser cuberto nos próximos días por outro xogador.