A Liga Asobal levanta o pano dunha nova tempada no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, cunha Sociedad Deportiva Teucro que quere desde o primeiro día empezar a sumar puntos que lle acheguen ao obxectivo da permanencia na máxima categoría.
Os azuis estréanse ademais este sábado (20:30 horas) recibindo na súa cancha a un dos rivais teoricamente directos, como é o recentemente ascendido Sinfín cántabro.
"Son dos puntos importantes, pero igual que los de los 29 partidos restantes", defende con todo Luís Montes restando dramatismo ao debut ligueiro.
Tanto plantel como corpo técnico recoñecen estar con "muchas ganas" de que se inicie a competición oficial e "ver cómo responde el equipo", sinalou á súa vez o novo capitán, Javi Santana, na rolda de prensa previa ao choque.
O Teucro chega á cita tras seis semanas de preparación coa sensación de ter realizaddo "un trabajo físico muy bueno", explica Montes, aínda que aínda con marxe de mellora.
O preparador, que se estrea na Liga Asobal como primeiro adestrador, poderá contar para a cita con todo o plantel á súa disposición.
As entradas para o público foron fixadas en 15 euros en categoría sénior, 10 euros os bonificados e 5 euros a categoría infantil, nun partido que será arbitrado polos asturianos Álvarez Menéndez e Friera Cavada.