Multitudinaria xornada de cros escolar en Sanxenxo

Sanxenxo
15 de novembro 2023

Un total de 1.720 nenos e nenas de 19 centros escolares dos concellos de Meaño, Sanxenxo, Meis, O Grove, Cambados e Vilanova de Arousa participaron na xornada deportiva do Programa Xogade 

Xornada de cros escolar do programa Xogade en Montalvo Xunta de Galicia

A contorna da praia de Montalvo converteuse este mércores nunha gran pista deportiva nunha xornada de cros escolar enmarcada dentro do Plan Xogade.

Foi unha xornada multitudinaria coa participación de 1.720 nenos e nenas de 19 centros escolares dos concellos de Meaño, Sanxenxo, Meis, O Grove, Cambados e Vilanova de Arousa. 

O cros escolar contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, defendendo que a alta participación representa "non só o futuro da realidade deportiva galega, senón tamén da saúde da nosa poboación".

Segundo explicou o mandatario o programa Xogade de promoción da actividade física alcanzou o curso 22-23 ata 135.000 nenos e nenas mutualizados, a cifra máis alta da súa historia e que representa a máis da metade de todos os escolares galegos de entre 6 e 16 anos.