Na busca do ambiente das grandes citas para empurrar o Teucro ata a Asobal

Pontevedra
29 de abril 2015

Os pontevedreses necesitan un punto para ascender matematicamente á máxima categoría, e por iso piden o apoio da afección para a primeira bóla de partido, a visita ao Municipal da Barcelona B (sábado 20:00 horas). Cada socio poderá invitar o partido a dous acompañantes

Os xogadores do Teucro celebran a vitoria sobre o Barcelona B e a permanencia
Os xogadores do Teucro celebran a vitoria sobre o Barcelona B e a permanencia / Diego Torrado

Só un punto separa á Sociedad Deportiva Teucro do ascenso matemático á máxima categoría do balonmán nacional cando restan aínda tres xornadas de liga regular.

Sería o broche a unha tempada que roza a perfección tras perder só tres partidos, un deles precisamente ante o rival que visita o próximo sábado (20:00 horas) o Pavillón Municipal dos Deportes, a Barcelona B.

Encontro complicado para o que "necesitamos más que nunca el apoyo de nuestra afición", sinala o pivote teucrista Gonzalo Carró.

Para lograr o ambiente das grandes citas e que ese punto o poñan os seguidores azuis, o club promove nas redes sociais o encontro co hastag #EncheOMunicipal e decidiu dar a posibilidade aos socios de acudir ao encontro con dous acompañantes que entrarán de balde no pavillón.

Todo por revivir o vivido a pasada tempada ante o filial catalán, con obxectivo oposto, cando na última xornada o Teucro logrou a salvación tras gañar á Barcelona, equipo que resultou campión da División de Honra Prata.

No plano deportivo, malia as molestias que arrastran algúns xogadores como García Pichel ou Dorado a súa presenza no choque non corre perigo.