O Pontevedra perderá durante case un mes de competición a un dos homes máis utilizados por Luismi, Nacho López, obrigando a recompoñer unha vez máis a liña defensiva do equipo.
A ecografía á que foi sometido este mércores o lateral granate revela que sofre unha rotura muscular na zona isquiotibial da súa perna esquerda, confirmando os prognósticos máis pesimistas tras pedir o cambio na pasada xornada cando apenas se tiña iniciado o partido.
Segundo o parte médico, Nacho deberá estar de baixa "entre 3 e 4 semanas".
"Las sensaciones que él tenía son que había roto", explicou Luismi horas antes de coñecer a noticia e o alcance da lesión, aínda que o técnico xa daba ao defensor como baixa segura para o choque do domingo en Bouzas.
En canto ao resto do primeiro plantel, tanto Berrocal como Romay adestraron este mércores a menor ritmo que os seus compañeiros, aínda que a súa dispoñibilidade a fin de semana non parece perigar, sendo por tanto as únicas ausencias obrigadas por lesión as do citado Nacho López e a de Álex Fernández.