Navalcarnero, duro test para as aspiracións do Pontevedra: "Teño a sensación de que vai ser un partido de goles"

Pontevedra
01 de abril 2022

Os granates visitan este domingo 3 de abril (17.00 horas) o campo do terceiro clasificado coa obrigación de conseguir tres puntos que manteñan a presión sobre o líder Unión Adarve. Diego Seoane será dúbida ata última hora por unha sobrecarga muscular

Adestramento do Pontevedra en Xeve
Adestramento do Pontevedra en Xeve / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo 3 de abril (17.00 horas) o campo do terceiro clasificado, un Navalcarnero que se presenta como un duro test para os granates na súa aspiración de seguir presionando o líder Unión Adarve e tentar asaltar o primeiro posto.

Ángel Rodríguez prognostica que o encontro en terras madrileñas "teño a sensación de que vai ser un partido de goles, porque somos dous equipos que tentamos xogar ao ataque, porque somos dous equipos que temos sempre a intención de atacar con moitos efectivos. O lóxico é que sexa un partido atractivo para o afeccionado".

A única dúbida para o técnico radica no estado físico de Diego Seoane, cunha sobrecarga muscular e que será unha incógnita ata última hora. "Imos apurar ata o último momento, aínda que estou confiado de que vai vir e competir co equipo", avanza Rodríguez.

O resto do plantel está á súa disposición, incluído un Churre que viu levantado o seu castigo dun encontro ao serlle retirada a amarela que viu a última xornada. Todo un respiro para a zaga pontevedresa ao tratarse de "un xogador que lle dá carácter á defensa, é moi rápido e intenso no que fai, ademais tira do grupo. Creo que para nós ter a Churre no equipo é importante. Oxalá gañásemos 0-1 con gol de Churre", sinalou o preparador granate na súa habitual rolda de prensa dos venres.

O míster mostrouse confiado en poder conseguir os tres puntos fronte a un Navalcarnero que é o segundo mellor equipo como local do grupo perdendo só un encontro ante a súa afección. "Fóra da casa sempre fomos un equipo forte, a calquera dos campos que fomos tivemos opcións de gañar mesmo cando non o conseguimos", defende satisfeito do nivel mostrado polos seus xogadores nas últimas semanas xa que "parece que imos atopando ese ritmo de balón, ese ritmo de xogo, esa intensidade na presión tras perda, e o equipo móstrase confiado".

O choque no Estadio Mariano González de Navalcarnero será arbitrado polo valenciano Juan Manuel Gordillo Escamilla.