Nerea Pampín, á repesca no Mundial Sub-23 de Loita

Pontevedra
20 de outubro 2022

A loitadora de Vila de Cruces pelexará por conseguir na repesca unha medalla de bronce no Mundial Sub-23 de Pontevedra tras caer eliminada na fase de clasificación fronte a Nigar Mirzazada (Acerbaixán)

Nerea Pampín, durante o Mundial Sub-23 de Loita en Pontevedra
Nerea Pampín, durante o Mundial Sub-23 de Loita en Pontevedra / United World Wrestling

O Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas de Pontevedra viviu este xoves uno dos seus momentos máis esperados coa entrada en acción da gran esperanza local no torneo, Nerea Pampín.

A deportista de Vila de Cruces, bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, non tivo con todo o seu debut soñado no Mundial.

Pampín quedara emparellada na clasificación con Nigar Mirzazada (Acerbaixán), bronce no último Europeo Sub-23, nun duro enfrontamento que non puido superar.

A pesar de puntuar primeiro no asalto inicial, non puido conter o empuxe do seu rival e terminou cedendo por un tenteo de 7-1 que non reflicte a igualdade entre as dúas loitadoras e que deixaba á galega á espera de resultados para ver se podía optar á repesca.

Finalmente ao chegar Nigar Mirzazada ata a final dos 65 quilos, superando unha axustadísima semifinal fronte á italiana Elena Esposito, Nerea Pampín poderá disputar o cadro de repesca polo bronce, que terá lugar xa o venres.

A xornada deste xoves no Pavillón Municipal dos Deportes serviu tamén para coroar á xaponesa Yui Susaki como campioa mundial sub-23 nos 50 quilos, o título que faltaba nun palmarés que xa adornaban un ouro olímpico e tres mundiais absolutos.