Nin Messi, Cristiano Ronaldo ou Maradona... o mundo do fútbol, marabillado co gol de Quique Cubas

O Salnés
08 de abril 2014

Uns medios aseguran que foi un "golazo maradoniano". Outros recordan o histórico gol que Ronaldo lle marcou ao Compostela. E moitos compárano cos mellores goles marcados polas figuras do momento, Leo Messi e Cristiano Ronaldo. O mundo do fútbol non fala doutra cousa. O gol que Quique Cubas marcou o pasado domingo no partido entre o Arosa e o Areas deu a volta ao mundo

Quique Cubas nun partido do Arosa
Quique Cubas nun partido do Arosa / Diego Torrado

Uns medios aseguran que foi un "golazo maradoniano". Outros recordan o histórico gol que Ronaldo lle marcou ao Compostela. E moitos compárano cos mellores goles marcados polas figuras do momento, Leo Messi e Cristiano Ronaldo. O mundo do fútbol non fala doutra cousa. O gol que Quique Cubas marcou o pasado domingo no partido entre o Arosa e o Areas deu a volta ao mundo.

Todos apuntan o mesmo. Foi o mellor gol da xornada no fútbol español e, sen dúbida, dos mellores de toda a tempada. Faltaban sete minutos para o final do partido. Con empate a un no marcador, tras un rexeitamento da defensa, Quique Cubas colleu o balón na metade do campo arosista. Comezaba aí un espectacular slálom que acabaría co dianteiro pontevedrés marcando o segundo gol no 2-1 definitivo, que deu a vitoria ao Arosa.

Tras driblar cunha media volta ao primeiro rival co que cruzaba, Quique Cubas volveu superalo cun cano perfecto, executado en dous tempos. Aí comezaba unha carreira directa cara á meta do Areas polo centro do campo, superando ata tres xogadores rivais. Xa fronte ao porteiro esperou que este se tirase ao pau dereito para empurrar o balón cara á portaría. Un gol que causou o delirio nas bancadas da Lomba.

O video do gol, colgado na canle oficial do Arosa en YouTube, comezou a atraer o interese de programas de televisión e medios dixitais. Non só en España, onde laSexta, Cuatro ou Antena 3 dedicaron reportaxes ao pontevedrés, que a punto de cumprir 25 anos, viu como o seu nome e o seu gol se está a difundir en numerosos países como Inglaterra, Francia, Italia, Suíza, Holanda, Alemaña, Portugal ou grande parte de Sudamérica.

O propio Quique Cubas sinalaba, nunha entrevista concedida a Antena 3, estar "sorprendido" por toda a repercusión mundial que alcanzou o seu gol. Pero prefire que non o comparen con Messi ou Maradona "porque eso son palabras mayores". En todo caso asegura que mantén os pés no chan e recorda que "estoy en Tercera División y siempre sería bonito ascender (⿦) pero con estos goles me conformo".