O municipal vigués de Barreiro vivirá este sábado (16:30 horas, TVG2) a estrea dunha nova etapa no Pontevedra Club de Fútbol, xa sen Luismi no banco.
Jesús Ramos exercerá como capitán da nave granate de maneira interina, pero faino sen descartar que se chegan bos resultados e a directiva así o considera o seu ascenso poida converterse en definitivo. "En principio no tengo fecha de caducidad", avisou o técnico este venres na rolda de prensa previa ao encontro.
Todo dependerá claro da imaxe e o resultado que consiga o equipo pontevedrés contra o Celta B nun partido no que "vamos a intentar cambiar algunas cosas", avanza Ramos.
Algúns deses cambios chegarán no once e puidéronse ir advertindo ao longo da semana nos adestramento, como a máis que probable presenza de Pol Bueso no lateral zurdo, o que provocaría a entrada de Jaouad no centro da defensa e a volta de Álex González ao extremo. Pero non será a única modificación prevista, xa que a outra chegará na idea de xogo.
"Evidentemente era el segundo de Luismi, teníamos ideas comunes, pero yo también tengo mis ideas", asegura o preparador augurando un equipo diferente en moitos aspectos, como o xogo ao espazo e coa intención de "defender más juntos".
A cita chega con poucas sesións de adestramento ás súas costas, só catro, polo que parte do traballo tamén se centrou estes días na recuperación psicolóxica do plantel. "Los jugadores tienen que creer en ellos, creer que tiene potencial", pide Jesús Ramos.
Fronte ao Pontevedra estará un filial céltico que dirixido polos irmáns Montes tamén iniciopu o curso de maneira irregular (marcha décimo con 11 puntos) pero que atesoura moita calidade no equipo con "bastante gente rápida arriba, y potente", analiza o de momento interino do banco granate.
BERROCAL RECAE E CAUSA BAIXA
O futbolista que seguro non estará o sábado sobre o céspede de Barreiro será Berrocal. Tras exercitarse varios días a menor ritmo por precaución, debido a problemas musculares nun abdutor, este xoves resentiuse das molestias e non chegará a tempo para entrar na lista de convocados.
De esta forma, con Javi López e Campillo tamén fóra por lesión, o resto de 18 integrantes do primeiro plantel conformarán a convocatoria, isto é: Edu Sousa, Brian, Nacho López, Santi Figueroa, Churre, Jaouad, Pol Bueso, Naveira, N'Diaye, Mejía, Álex Fernández, Romay, Álex González, Pedro Vázquez, Bustos, Javi Pazos, Adighibe e Rivera.
O colexiado do encontro será o madrileño Jerónimo Montes García-Navas.