Poio Pescamar e Burela FS enfróntanse este sábado (12 horas) polo título da Supercopa de España. Poucos días despois de verse as caras na final da Copa da Raíña, as vermellas afrontan unha nova oportunidade de facer fincar o xeonllo a un equipo imbatible e que no último curso gañouno todo.
"Son as favoritas porque o ano pasado gañárono todo e este ano levan unha serie inmaculada. Ademais xogan na súa casa, haberá público e será todo delas. Parece que se dan todas as circunstancias ao seu favor, pero en deporte non sempre dous máis dous é igual a catro e levarémolas ao límite como xa fixemos na final de copa", asegura confiado nas súas posibilidades o adestrador do Poio Pescamar, Manuel Cossío.
O cadro conserveiro chega tamén nun bo momento de xogo. A eliminación na quenda de penaltis esta semana na Copa da Raíña está xa superada. "Tiñamos esperanzas nese torneo, pero foi dos nosos mellores partidos", consólase o preparador descartando calquera tipo de bajón anímino nas súas xogadoras como consecuencia da derrota.
Ganas e ilusión por facerse co triunfo non lles falta ás da Seca. "É unha cita histórica e unha oportunidade única de gañar un título", anima o técnico, que poderá contar con todas as súas xogadoras para o duelo deste sábado.
A expedición é consciente da dificultade de acabar coa imbatibilidade das lucenses. "Temos que gañar os duelos individuais, o balón parado vai ser determinante e temos que ser fortes en defensa. O obxectivo é aguantar ata os minutos finais e logo apertar", explica Cossío o seu plan de partido, consciente de que o rival chegará reforzado polas últimas vitorias e a recuperación de xogadoras como Peque.