Nova imaxe para a marca municipal Deporte Pontevedra

Pontevedra
02 de febreiro 2017

O servizo municipal de deportes deixa atrás definitivamente ao IMD estreando nova imaxe corporativa, que será de obrigado uso nos eventos organizados polos clubs da cidade que conten con patrocinio municipal

Deporte Pontevedra

O Concello de Pontevedra deixa atrás definitivamente o IMD e presentou a imaxe corporativa de marca Deporte Pontevedra.

O novo símbolo do servizo municipal de deportes parte dunha sección dos aros olímpicos inscritos nunha circunferencia branca e azul na que figura o logotipo da marca. Foi elaborado polo gabinete de comunicación do Concello nun proceso no que tamén participaron técnicos municipais baixo a supervisión da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

O proceso de cambio de imaxe inclúe unha estratexia para a súa inserción en papelería, elementos de publicidade exterior ou merchandising, pero a súa substitución realizarase de maneira progresiva para evitar "gastos superfluos ou innecesarios", sinalaron desde o propio Concello.

O seu uso a partir de agora será obrigatorio por parte dos clubs pontevedreses na organización de competicións e actividades que conten con patrocinio municipal.