Un dos 'Mozos de Arousa' regresa a televisión. Trátase de Borja Santamaría, coñecido como Borjamina. Será un dos concursantes da segunda tempada dun dos programas de maior éxito de TVE.
Borjamina participará en Hasta el fin del mundo, o 'reality' competitivo de viaxes por parellas que presenta Paula Vázquez.
Aos seus 32 anos, o arousán lánzase a unha nova aventura televisiva, apenas ano e medio despois de concluír a súa participación en Reacción en cadena, onde xunto ao seu irmán Raúl e ao seu amigo Bruno Vila permaneceu máis de 400 programas.

En Hasta el fin del mundo, o seu compañeiro de viaxes non será ningún deles, pero si outro popular participante de concursos de televisión: Miguel Ángel Gómez, que apareceu en Saber y ganar, Pasapalabra ou Boom, entre outros programas.
Ambos, xunto ás outras seis parellas coas que compartirán esta aventura, partiron xa cara a Asia, continente por onde transcorrerá a segunda tempada deste concurso.
Os catorce participantes desta edición, segundo informa RTVE, percorrerán un longo camiño de máis de dez mil quilómetros desde a porta da antiga Ruta da Seda, até os volcáns máis estremecedores do cinto de lume do Pacífico.
Neste desafío, que durará máis de dous meses, percorrerán desde os lendarios imperios chineses aos reinos budistas e irán das grandes civilizacións á natureza máis salvaxe.

Borjamina e Miguel Ángel Gómez terán como rivais, entre outros, a María José Campanario e Belinda Washington, aos actores Jorge Sanz e Elena Ballesteros cos seus respectivos fillos ou a María del Monte e a presentadora Rocío Muñoz.
Benita Castejón e o seu representante ou os deportistas Odeia Jainaga e Fiona Pinar completan os participantes desta segunda edición de Hasta el fin del mundo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.