"Unha tempada histórica no que a cobertura audiovisual e retransmisións en directo refírese".
Así cualifica a Real Federación Española de Fútbol a tempada que está a piques de comezar na Primeira RFEF, categoría na que competirá o Pontevedra.
Non é para menos, e é que este martes a Federación confirmou unha cuarta plataforma para a emisión en directo dos encontros de Primeira RFEF.
Será ademais a segunda opción que permitirá seguir todos os partidos da liga regular.
Trátase da TV Football Club, a través do seu servizo en streaming FC Play, e que ofrecerá o mesmo servizo que oferta LALIGA+.
Neste caso é posible contratar a cobertura da Primeira RFEF desde 64,99 euros para toda a tempada ou por 9,99 euros ao mes.
Desta forma TV Football Club convértese no cuarto servizo polo que se poderán seguir os partidos do Pontevedra.
Únese á xa citada LALIGA+ e as plataformas Movistar Plus+ e Digi TV, nestes dous últimos casos con dez encontros por xornada.