Nova tempada para o Froiz co reto de volver ser "un equipo gañador"

Pontevedra
19 de febreiro 2025
Actualizado: 16:43

O equipo ciclista pontevedrés encara a súa tempada número 37 no pelotón nacional cunha estrutura renovada e a case xa obsesión de tentar brillar na Copa de España

O equipo ciclista Froiz inicia a tempada 2025 Mónica Patxot

Primeiros quilómetros da tempada para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

Tras estrear curso no recente Memorial Manuel Sanroma disputado en Almagro, o equipo ciclista pontevedrés protagoniza estes días na casa a súa tradicional concentración de principio de ano.

Será a tempada número 37 de Froiz no pelotón nacional, un ano no que se pon o reto de volver ser competitivos deixando atrás un curso irregular.

"Temos un equipo máis completo que o ano pasado, máis equilibrado", asegura o director deportivo do equipo alimenticio, Evaristo Portela.

Por iso un dos obxectivos será o de tentar brillar na Copa de España Elite e Sub-23, case unha obsesión xa para o Froiz.

O equipo ciclista Froiz inicia a tempada 2025Mónica Patxot

Non será un reto sinxelo porque "a competencia é dura e os filiais teñen todo ao seu favor confiorme está o ciclismo, pero non imos a buscar escusas. Pelexaremos de tú a tú", asegura Portela.

Unha das principais bazas do Froiz volverá ser Mateu Estelrich, que vén de ser terceiro en etapa inicial do Memorial Sanroma.

"Xa ganou o ano pasado unha proba de Copa de España no País Vasco. Imos loitar con el pola xeral elite. Temos que intentalo porque Froiz é un equipo gañador", defende o director deportivo pontevedrés ilusionado coa nova tempada.

A primeira proba puntuable da competición chegará xa este domningo 23 de febreiro co 59º Circuíto do Guadiana, en Don Benito.

Outro dos nomes a seguir este ano no Froiz será o pontevedrés Guillermo García Janeiro, tras varios anos competindo no pelotón profesional portugués. Os dous estarán na formación do Circuíto do Guadiana xunto a Ángel Maneiro, Adrián Pacho, Lolo Rodríguez e Rubén Sánchez.

Antes diso, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz ten previsto realizar este venres en Poio a súa presentación oficial da tempada, na que contará coa presenza como padriño de Pedro Delgado e na que tamén estará acompañado do director de La Vuelta, Javier Guillén.