Nove equipos da área de Pontevedra benefícianse do plan de patrocinio da Fundación Deporte Galego

Pontevedra
18 de xuño 2020

Peixe Galego, Teucro, Cisne, Umia, Pontevedra CF, Poio Pescamar, Ou Fisgón, Tenis de Mesa Monte Porreiro e Club Bádminton Ravachol Pontevedra son os clubs da contorna da capital que serán patrocinados por esta fundación durante o 2020

Sinatura do patrocinio da Fundación Deporte Galego a clubes de Pontevedra
Sinatura do patrocinio da Fundación Deporte Galego a clubes de Pontevedra / Xunta de Galicia

O Padroado da Fundación Deporte Galego reuniuse o pasado 12 de xuño para dar luz verde á resolución provisional da adxudicación dos convenios de patrocinio aos clubs galegos que forman parte deste proxecto de promoción do deporte.

O importe total que percibirán os clubs beneficiarios supera os dous millóns de euros.

Na área de Pontevedra, os nove equipos que asinarán o convenio coa fundación son: Peixe Galego (59.300 euros), Teucro (33.000 euros), Cisne (30.500 euros), Umia (13.200 euros), Pontevedra CF (60.000 euros), Poio Pescamar (39.500 euros), O Fisgón (15.000 euros), Tenis de Mesa Monte Porreiro (5.300 euros) e Club Bádminton Ravachol Pontevedra (7.100 euros).

Á hora de adxudicar os fondos a cada un dos solicitantes téñense en conta doce criterios. O primeiro determínase en función do número de licenzas, tipo de patrocinio e nivel da competición; o segundo, en base ao número de xornadas da fase regular; o terceiro, polo número de deportistas participantes do equipo de forma simultánea no espazo de competición; e o cuarto, pola posición final na tempada 2018/2019.

O quinto é polo nivel das competicións europeas ou mundiais nas que participou na campaña 2019/2020; o sexto, polos títulos de campión conseguidos no últimos cinco anos; o sétimo, polas tempadas na máxima categoría estatal no últimos quince anos; e o oitavo, pola participación do equipo sénior noutras competicións da mesma especialidade a maiores da competición principal.

O noveno criterio está relacionado coa presenza de deportistas galegos de alto nivel; o décimo, cos equipos cuxos deportistas precisen elementos voluminosos para competir; o úndécimo, se se trata dunha competición de deporte adaptado; e o duodécimo, coas melloras publicitarias propostas.