Nove medallas e un sexto posto por equipos para o CN Galaico no autonómico alevín

Pontevedra
22 de xuño 2026
Actualizado: 12:34

No conxunto pontevedrés, que exerceu como anfitrión, competiron 16 nadadores que lograron tres metais de prata e seis de bronce. Tamén houbo varias marcas persoais en piscina de 50 metros

Campionato Galego Alevín de Natación de Verán
Campionato Galego Alevín de Natación de Verán / CN Galaico

O Complexo Deportivo Rías do Sur acolleu este fin de semana o Campionato Galego Alevín de Natación de Verán, unha das citas autonómicas con máis nivel da categoría.

O Club Natación Galaico exerceu como anfitrión e asinou, ademais, unha actuación "espectacular" con tres medallas de prata e seis de bronce.

Co conxunto pontevedrés competiron 16 nadadores, dez en categoría feminina e seis en masculina, que destacaron pola súa regularidade fronte aos 28 clubs participantes de toda Galicia.

Ese rendemento traduciuse nunha meritoria sexta posición na clasificación xeral conxunta, cun total de 394 puntos. Por categorías, foi sexto na masculina (214 puntos) e sétimo na feminina (180 puntos).

No apartado individual, os nadadores do club sumaron un total de nove medallas, tres de prata e seis de bronce, ademais de varias mellores marcas persoais en piscina de 50 metros.

As medallas de prata chegaron da man de Lucas Quintana (12 anos), subcampión galego en 100 metros libre; María Raposeiras (12 anos), tamén segunda en 100 libre; e Carmen Castro (13 anos), que logrou a prata nos 200 estilos.

Pola súa banda, os bronces foron para Martín Sieiro (12 anos), terceiro en 100 libre; Lucas Quintana, en 400 libre; Mateo Díaz (13 anos), dobre medallista en 100 e 200 braza; María Raposeiras, terceira en 50 libre; e Martina Junquera (12 anos), que subiu ao podio en 400 e 800 libre.