Novembro con 'n' de natación na piscina de Pontemuíños

Pontevedra
10 de novembro 2023

Concello de Pontevedra e Club de Natación Galaico únense unha vez máis para a organización de dous eventos autonómicos durante este mes de novembro. O Campionato galego de longa distancia e a Copa de España de clubs invadirán a piscina de Pontemuíños durante o sábado 18 e o fin de semana do 24 e 25, respectivamente

Presentación das competicións galegas de natación en Pontemuíños
Presentación das competicións galegas de natación en Pontemuíños / Concello de Pontevedra

Concello de Pontevedra e Club de Natación Galaico únense unha vez máis para a organización de dous grandes eventos que se celebrarán neste mes de novembro nas piscinas da Fundación Rías do Sur en Pontemuíños.

O primeiro deles será o Campionato galego de longa distancia, que disputarase o vindeiro sábado 18 e no que participarán ao redor de 200 deportistas.

Pola súa banda, durante o fin de semana do 24 e 25 de novembro terá lugar a fase territorial da Copa de España de clubs, na que están inscritos 14 clubs masculinos e outros tantos femininos.

Este último é un "avance importante" en relación ao ano anterior, cando os clubs participantes eran 12 os de homes e oito os de mulleres.

Para a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, celebrar este tipo de eventos supón "un gran beneficio para a cidade" e destacou que todos os clubes "atoparán no Concello un aliado para poñer o deporte no mapa".