Arousa e Arenteiro recuperaron este mércores o encontro aprazado polo brote de covid-19 nas filas do cadro do Carballiño. O esperado enfrontamento entre os dous mellores equipos do subgrupo sur da Terceira División Galega saldouse cun empate sen goles que mantén aos ourensáns no liderado e confirma a capacidade dos de Vilagarcía de pelexar polo ascenso.
Os de Rafa Sáez tiveron serias opcións de conseguir os tres puntos na cancha do primeiro clasificado. Antes do descanso, Pedro Beda errou un penalti que serviría para poñer por diante aos visitantes. Tiveron tamén os arlequinados dous lanzamentos ao pau cos que poder desequilibrar a balanza.
Pola súa banda, os locais protagonizaron máis dunha chegada á área rival pero sen xerar grandes ocasións de perigo.
O punto serve ao Arousa para manter a segunda posición na táboa cunha xornada aínda por disputar contra a UD Ourense. Con todo, o cadro da Lomba acumula seis xornadas consecutivas empatando, co que a consecución dos tres puntos comeza a ser necesaria para evitar que os perseguidores sigan achegándose.