O adestrador Daniel Brage traballará en exclusiva con Teresa Portela na súa preparación dos Xogos de Tokyo

Pontevedra
22 de outubro 2020

A piragüista, que se convertería en Xapón na española con máis participacións olímpicas, manterá a súa base de adestramento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

Teresa Portela na Copa do Mundo disputada en Alemania
Teresa Portela na Copa do Mundo disputada en Alemania / RFEP

Desde o río Lérez ata Tokyo. É o plan da piragüista Teresa Portela, que segue preparando o asalto aos que serían os seus sextos Xogos Olímpicos.

De conseguilo a deportista canguesa afincada en Pontevedra converteríase na española con máis participacións olímpicas.

No seu camiño Portela contará coa axuda de Daniel Brage, que segundo informa a axencia EFE traballará con ela como técnico en exclusiva durante os próximos meses.

Trátase do adestrador co que xa preparou as citas de Londres 2012 e Río 2016, logrando senllos diplomas olímpicos.

Coa súa colección de medallas internacionais ás costas nunha longa traxectoria, Teresa Portela manterá a súa base de adestramento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, polo que seguirá sendo sinxelo vela adestrar regularmente en pleno río a vista de todos os seus veciños.