O Arosa colabora na loita contra o coronavirus coa doazón de material sanitario

O Salnés
25 de abril 2020

"Superar o COVID-19 está en mans de todos e responsabilidade nosa xestionar ben a pandemia", así o entenden desde o Arosa S.C. que, despois de ver que había xente que necesitaba material sanitario, comezaron a traballar na procura de máscaras de seguridade FPP2, xeles, batas e luvas

Material sanitario entregado polo Arosa
Material sanitario entregado polo Arosa / Asociación Con Eles

"Superar o COVID-19 está en mans de todos e responsabilidade nosa xestionar ben a pandemia", así o entenden desde o Arosa S.C. que, despois de ver que había xente que necesitaba material sanitario, comezaron a traballar na procura de máscaras de seguridade FPP2, xeles, batas e luvas.

Desta maneira, as oficinas do campo da Lomba convertéronse nun pequeno almacén destes produtos que, grazas á doazón de empresas colaboradoras, particulares e os propios membros da directiva, lograron abastecer aos colectivos máis necesitados.

A entrega, realizada polos directivos do club, comezou o pasado venres e fíxose á Asociación Amicos de Boiro, á residencia de anciáns Divina Pastora en Vilagarcía, á Asociación Con Eles, ao Colexio Lar-Pro Saúde Mental, á Asociación Amencer/Aspace (Centro de Atención Integral Princesa Letizia), á Asociación Bata e ao Centro de Menores Aldaba.

Estes centros son algúns dos beneficiarios da doazón do Arosa, que lles fixo saber que, aínda que estean abastecidos polo servizo Galego de Saúde e doutros organismos, "non lles faltará material".

Por iso, mentres dure a situación de alarma, desde a directiva do club de Vilagarcía continuarán coa labor de axudar aos máis vulnerables a protexerse contra o coronavirus.