O Arosa fai oficial a fichaxe de Fran Fandiño

Pontevedra
22 de xullo 2015

O xogador asegurou tras a confirmación que "tiña moi claro que quería xogar no Arosa" despois de que o Pontevedra lle comunicase que non entraba nos plans de Luisito. Chega ao club arlequinado co obxectivo de "entrar no play-off"

Fran Fandiño, durante un adestramento co Pontevedra
Fran Fandiño, durante un adestramento co Pontevedra / Mónica Patxot

Xa é oficial, o futbolista pontevedrés Fran Fandiño defenderá a próxima tempada as cores do Arosa Sociedad Cultural, tal e como adiantou PontevedraViva.

A negociación prolongouse máis do inicialmente previsto, pero as ganas do xogador de rematar en Vilagarcía, despois de que o Pontevedra lle comunicase que non entraba nos plans de Luisito, foron suficientes para que a operación chegase a bo porto.

O centrocampista, que marcha do club de Pasarón en calidade de cedido, explicou tras confirmarse a fichaxe que "se demorou moito a cesión porque non dependía de min, senón tamén do Pontevedra".

Fandiño asegura que "tiña moi claro que quería xogar no Arosa porque mostraron interese antes que ninguén, e se implicaron na miña fichaxe". Ademais, recoñece, "atráeme o proxecto, o estadio e a afección, é un cúmulo de moitas cousas".

O futbolista incorporarase este mesmo mércores aos adestramentos do Arosa baixo as ordes de Piscis, e farao cun obxectivo claro, o de "entrar no play off, polo menos é a miña ilusión e a miña meta este ano".