O Arosa gaña ao Arenteiro despois de tres xornadas sen vitoria (2-1)

O Salnés
02 de decembro 2018

Pola súa banda, o Ribadumia non consegue facerlle fronte ao Silva (3-1) e o Céltiga asimila a súa peor derrota do que vai de tempada ante o Ourense CF (0-8)

Partido entre Arosa e Ribadumia na Lomba Cristina Serantes

O Arosa segue manténdose na parte alta da táboa (sexto con 26 puntos) tras a vitoria desta fin de semana ante o Arenteiro que, pola súa banda, con este último partido ascende ata as 8 xornadas consecutivas sen gañar (4 empates).

A pesar de que o choque na Lomba estivo bastante igualado, os arousanos foron algo mellores. Mostra diso foi que no 33' da primeira metade, Sylla anotou o primeiro gol dos locais e tamén do partido. Así, o encontro foise ao descanso coa vitoria provisional para os de casa (1-0).

Tras o paso polos vestiarios, Jorge Fajardo igualaba o marcador no 54', momento no que os do Arosa afianzaron o seu xogo. Pouco máis de 10 minutos despois (65'), Sylla volveu acertar ante a portería de Rui, dándolle a vitoria ao seu equipo (2-1).

Consulta a acta do Arosa-Arenteiro.

Pola súa banda, o Ribadumia sumou este domingo a súa segunda derrota consecutiva (8 desde o comezo do curso) fronte ao Silva na Grela. Os coruñeses, con todo, conseguiron a súa cuarta vitoria, manténdose a unha distancia prudente da zona de perigo.

O primeiro gol local foi anotado aos 5 minutos do asubío inicial por Scalon. Así, despois dos corenta restantes da primeira metade, o Silva foise ao descanso coa vantaxe dun tanto. Despois do paso polos vestiarios, o Ribadumia logrou empatar o resultado cunha acción de Hugo Soto (51'). 

Pero aí quedaron os pontevedreses, xa que cinco minutos despois Aarón Sánchez marcou o 2-1. Parecía que ese sería o resultado definitivo, pero, a falta de 10 para o termo do partido, Marcos logrou o 3-1 definitivo.

Consulta a acta do Silva-Ribadumia.

Desastrosa xornada para o Céltiga, que, cunha goleada por parte do Ourense CF (0-8) no Salvador Otero, ascende ata a súa quinta derrota consecutiva (9 no que vai de tempada). Desta forma, o cadro da Illa afiánzase na parte baixa da táboa coa necesidade de cambiar de dinámica para afastarse do perigo.

O partido foi dominado desde o primeiro minuto polos visitantes, que anotaron o primeiro gol aos dous minutos do comezo do mesmo de man de Bruno Pascua. O 0-2 non chegaría ata o 28' anotado por Rober de penalti. A un minuto do termo da primeira metade, Pascua volveu acertar na portería de Marcos Bermúdez, conseguindo que os ourensáns marchasen aos vestiarios co partido no peto (0-3).

Pero a cousa non quedaría aí, aínda que tras a finalización do descanso parecía que así ía ser, xa que o 0-4 resistiuse ata o 70', cando Raly posicionouse fronte á portería local. Lamelas marcou o quinto un minuto despois e Edu Otero o 0-6 no 78'. Finalmente, cunha diferenza de 6 minutos entre eles, Raly volveu facer das súas e marcou os dous últimos goles do partido, sentenciando ao Céltiga á fulminante derrota.

Consulta a acta do Céltiga-Ourense CF.