O Arosa paga a súa falta de puntería e regala o empate ao final a un Ourense con dez (2-2)

O Salnés
20 de agosto 2017

Máis de media hora con dez e a remolque no marcador, pero o Ourense sacou petróleo da falta de puntería do Arosa, tamén de certo aire especulativo dos de Jorge Otero, e dun erro defensivo nos últimos minutos na área local, para arrincar un empate e deixar aos arlequinados xeados en pleno agosto ao ver como o seu mellor xogo non tiña recompensa no resultado final en forma de vitoria na xornada inaugural de liga

Un momento dun partido do Arosa en pretemporada
Un momento dun partido do Arosa en pretemporada / Diego Torrado

Máis de media hora con dez e a remolque no marcador, pero o Ourense sacou petróleo da falta de puntería do Arosa, tamén de certo aire especulativo dos de Jorge Otero, e dun erro defensivo nos últimos minutos na área local, para arrincar un empate e deixar aos arlequinados xeados en pleno agosto ao ver como o seu mellor xogo non tiña recompensa no resultado final en forma de vitoria na xornada inaugural de liga.

Despois de ofrecer uns 30 minutos iniciais ilusionantes, con bo xogo e oportunidades, comezarían os problemas. Adiantábase o Arosa ao transformar Javi Pazos un penalti por mans dun defensor ourensán (minuto 21), enganando ao porteiro visitante, pero pasada esa media hora de xogo o Ourense restablecía a igualada tamén de penalti cometido por Marcos sobre Zanelli, que este mesmo encargouse de facer subir ao marcador.

Tras o descanso de novo o Arosa saíu mandando. Puido marcar Javi Pazos no primeiro minuto, pero quen o faría sería Manu Justo cun forte disparo desde o bordo da área (minuto 49). Yerai tivo nas súas botas a sentenza, pero mandou o balón ao poste  e Novoa vía a segunda amarela ao derrubar a Seva, deixando aos ourensáns cun menos.

Pero en lugar de irse a buscar a un rival tocado, os de Jorge Otero deron un paso atrás, o que aproveitou o Ourense para empatar a falta de catro minutos para o final, con Zanelli repetindo como goleador.

A reacción final dos locais puido darlles a vitoria, pero no desconto Julio Rey atopouse co poste.

Consulta o acta do partido Arosa SC-Ourense CF nesta ligazón.