O Arosa reengánchase superando o Cerceda (2-3) malia rematar con nove homes

O Salnés
03 de abril 2015

Os arlequinados lograron o triunfo despois de xogar máis de 25 minutos en inferioridade, conseguindo o gol da vitoria xogando xa cun menos, por expulsión de Vixo por dobre amarela, para resistir logo máis de 15 minutos con só nove homes sobre o terreo, ao ser expulsado tamén Martín Barreiro, con vermello directo

Partido entre Cerceda e Arosa no Roxo
Partido entre Cerceda e Arosa no Roxo / Arosa SC

Cando case todo parecía estar en contra do equipo que adestra Piscis, o Arosa sacou a relucir as súas mellores virtudes no escenario máis complicado ou un dos máis difíciles da categoría, o campo do Roxo, sorprendendo ao Cerceda e apartándoo pode que definitivamente da súa candidatura ao título de liga, á vez que volvendo reengancharse á loita polos postos de play-off, dos que agora separan ao cadro arlequinado tan só tres puntos.

E por se a empresa non fose o suficientemente difícil, os arlequinados lograron o triunfo despois de xogar máis de 25 minutos en inferioridade, conseguindo o gol da vitoria xogando xa cun menos, por expulsión de Vixo por dobre amarela, para resistir logo máis de 15 minutos con só nove homes sobre o terreo, ao ser expulsado tamén Martín Barreiro, con vermello directo.

Da man do seu capitán, Adrián Camiño, autor de dous goles realizando un gran partido, o Arosa soubo aproveitar a mala tarde do equipo local, que acusou en exceso as baixas de Agulló e Granada, e que estivo negado tanto na creación coma no remate.

Os visitantes adiantáronse no marcador tras un dobre erro de Angeriz, que entregou o balón a Eloy para logo agarrar e derrubar a Capelo. O claro penalti transformouno con seguridade Adrián Camiño.

Co partido controlado polo Arosa, Vixo entra de forma precipitada a Noé dentro da área derrubándoo e provocando un penalti evitable que Herbert aproveitou para empatar o partido.

Transcorreran pouco máis de 15 minutos e o partido arrefriouse, entrando nunha longa fase con abundancia de erros por parte duns e outros e moi pouco ou case nada destacable ata o descanso.

Na segunda parte de novo o Arosa adiantábase nunha chegada de Álex Freire con centro que remata aproveitando Eloy ante as dúbidas do meta local.

Pero se antes un penalti anulara outro penalti, nesta ocasión un erro do porteiro daría paso a outro erro do porteiro contrario, neste caso de Jorge Pérez, que saíu a destempo e Uxío volveu empatar, rematando de cabeza. O Arosa acababa de quedar cun menos pola expulsión de Vixo, o que parecía achandar o camiño da vitoria ao cadro local.

Claro que ninguén contaba coa calidade de Adrián Camiño no golpeo de balón. O capitán arosista aproveita unha falta para conseguir o terceiro gol, que daría paso á épica cando o colexiado, nunha acción moi rigorosa, mostra o vermello directo a Martín Barreiro, ao parecer por algunha observación que non se distinguiu dende a bancada.

Quedaba aguantar e fíxoo o Arosa para sumar tres puntos tan importantes como meritorios.

CCD CERCEDA (2): Diego; Noé (Granada, min. 62), José Manuel, Angeriz (Bilal, min. 77), Marcos Caridad, Rubio, Cano, Peke, Uxío, Herbert e Martín (David González, min. 63).

AROSA SC (3): Jorge Pérez; Juanjo, Álex Freire, Martín Barreiro, Juan Rodríguez, Rivas, Vixo, Capelo (Quique Cubas, min. 85), Javi Pazos (Nando, min. 63), Adrián Camiño e Eloy (Pablo, min. 77).

Árbitro: Alexandre Mazaira Rodríguez (Ourense), auxiliado nas bandas por Abel Moure Álvarez e Lucía Varela Valle. Expulsou os xogadores visitantes Vixo, por dobre amarela (minuto 65) e Martín Barreiro, con vermello directo (minuto 75). Amoestou os xogadores locais Angeriz, Martín e Peke.

Goles: (0-1) Minuto 9: Adrián Camiño, de penalti. (1-1) Minuto 16: Herbert, de penalti. (1-2) Minuto 56: Eloy. (2-2) Minuto 68: Uxío. (2-3) Minuto 71: Adrián Camiño.

Incidencias: Campo Municipal O Roxo (Cerceda). Uns 200 espectadores.