O Arosa supera ao Céltiga, triunfo dun bo Ribadumia e derrota na casa do Villalonga

O Salnés
19 de febreiro 2017

Os de Vilagarcía manteñen o axexo á cuarta praza tras superar pola mínima na Lomba ao Cétiga. Changui decide unha vez máis para un Ribadumia que se asenta na zona cómoda da clasificación

Suso, nun partido entre Arosa e Céltiga na Lomba
Suso, nun partido entre Arosa e Céltiga na Lomba / Diego Torrado

Tres puntos de ouro conseguiu o Arosa na Lomba no duelo de rivalidade comarcal ante o Céltiga (1-0). Os de Jorge Otero foron superiores nunha disputada primeira metade, pero non lograban superar a resistencia dos da Illa.

A tónica mantívose na segunda metade, cos locais levando a iniciativa do xogo e o Céltiga esperando a súa oportunidade, ata que Monroy a falta de 10 minutos fixo xustiza ao esforzo dos arlequinados.

Defendeuse con acerto ata o final o Arosa para certificar tres puntos que lle manteñen ao axexo da cuarta praza con 46 puntos, a tres do play-off. O Céltiga pola súa banda é décimo quinto con 30 puntos, con tres de vantaxe sobre o descenso.

Consulta aquí o acta do Arosa-Céltiga.

Unha xornada máis Changui resultou decisivo para o Ribadumia, esta vez para asegurar os tres puntos na visita ao campo do pechacancelas, Órdenes (1-3).

Un gol do dianteiro aos 4 minutos achandou o camiño dos aurinegros, que con todo non foron capaces de certificar a súa superioridade ata os últimos minutos de partido, cando sentenciaron. Primeiro foi Changui co seu segundo tanto, no minuto 81, e despois Anxo ao fío do 90 o que finiquitou o choque, marcando xa no desconto o Órdenes o gol da honra.

Con esta vitoria os de David Sierra asentan na zona tranquila da clasificación, ao ser undécimos con 36 puntos.

Consulta aquí o acta do Órdenes-Ribadumia.

Peor lle foron as cousas ao Villalonga, que a pesar de realizar un bo partido ante un dos favoritos ao ascenso, o Deportivo B, acabou cedendo unha derrota no estadio de San Pedro (0-1).

Alexandre aos 22 minutos logrou o único tanto do encontro, adiantando a un filial deportivista que se defendeu con acerto a pesar das acometidas locais.

Os celestes quedan tras este partido na novena posición con 37 puntos.

Consulta aquí o acta do Villalonga-Deportivo B.