O Arosa vístese de rosa para recadar fondos para a loita contra o cancro de mama

O Salnés
14 de outubro 2021

O club arlequinado lucirá o vindeiro domingo (19.00 horas) fronte ao Navalcarnero unha camiseta rosa e branca en conmemoración do día mundial da loita contra cancro de mama. As elásticas sairán á venda a un prezo de 40 euros e a recadación será destinada á asociación ADICAM

O Arosa presenta unha camiseta especial polo día mundial de loita contra o cancro de mama
O Arosa presenta unha camiseta especial polo día mundial de loita contra o cancro de mama / Arosa SC

O 19 de outubro celébrase o día mundial da loita contra cancro de mama, e ante tal efeméride o Arosa SC decidiu arrimar o ombreiro.

O club arlequinado presentou este xoves a camiseta especialmente deseñada para a ocasión, de cor rosa e branco, que lucirá no encontro do próximo domingo 17 de outubro no choque que lle medirá na Lomba ao Navalcarnero (19.00 horas).

Ademais a elástica terá "un lazo rosa á beira do escudo para dar visibilidade a esta enfermidade que ataca a tantas mulleres", explicou a directiva arosista Antía Canto.

Trátase dunha iniciativa que leva a cabo en colaboración con ADICAM, asociación de persoas afectadas de cancro de mama e xinecolóxico.

Estas camisetas "poñerémolas á venda por 40 euros e todo o recadado será íntegro para esta asociación", confirmou Canto acompañada doutras directivas do club como Rosario Moraña, Carmen Abalo e Carmen Consuelo Álvarez, pola presidenta de ADICAM Olga Sotelo e a traballadora social María Martínez.