O Arxil cae fronte ao Celta Zorka na segunda xornada de Copa Galicia

Pontevedra
16 de setembro 2019

As verdes dominaron os dous primeiros cuartos, pero o desacerto ofensivo na segunda parte permitiu ás celestes remontar e facerse coa vitoria

Arxil Celta Zorka no CGTD
Arxil Celta Zorka no CGTD / CB Arxil

O CB Arxil disputou este domingo, fronte ao Celta Zorka no CGTD, a segunda xornada da fase de grupos da Copa Galicia de baloncesto que se saldou cunha nova derrota do equipo pontevedrés que, a pesar de ofrecer unha boa imaxe e dominar o marcador durante a maior parte do encontro, acabou cedendo no último cuarto.

As verdes sorprenderon ás celestes no primeiro período cunha gran actuación en defensa. Tras o paso por vestiarios, o Celta sacou a relucir a súa condición de favorito ao ascenso para voltear o marcador no terceiro cuarto. Cun punto de vantaxe afrontaron o último período, no que os erros ofensivos das pontevedresas acabaron por certificar a derrota.

A próxima xornada disputarase o mércores, cando o Arxil visitará a cancha do Cortegada.

ESCOLA MUNICIPAL

Nas oficinas do equipo pontevedrés traballan estes días na organización da súa escola deportiva, na que ofrecen formación en baloncesto para menores de todas as categorías. A preinscrición pode realizarse xa nas oficinas do Pavillón Municipal ou na sede electrónica do Concello de Pontevedra.