Os adestramentos empézanse a notar no Club Baloncesto Arxil, que este martes despediuse con mellores sensacións da Copa Galicia.
Tras as súas dúas derrotas nas xornadas iniciais da competición a súa clasificación para as semifinais era xa imposible, pero a estas alturas o importante é seguir progresando para chegar no mellor esta posible ao comezo da tempada oficial.
É o que fixo o conxunto adestrado por Mayte Méndez no partido que lle enfrontou ao Rosalía santiagués no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (66-58).
A pesar das baixas aínda de Cristina Díaz-Pache e Margarita Moreira, ademais da fichaxe pendente aínda de aterrar en Pontevedra, o Arxil deu un paso á fronte con respecto aos duelos previos ante Cortegada e Maristas, notándose unha maior rodaxe e tamén a incorporación da estadounidense Heather Forster, recentemente chegada á cidade.
Superada a Copa Galicia, as verdes miran agora cara ao inicio da Liga Feminina 2, que terá lugar o 2 de outubro recibindo no CGTD o Alhaurín de la Torre.