Segunda derrota consecutiva do Club Baloncesto Arxil, que caeu por un axustado 63-61 diante do Tenerife La Laguna e xogarase na última xornada acceder á fase de ascenso como segundo mellor (sería terceiro pero o S.XXI non conta para o play-off), no caso de gañar, ou terceiro, no caso de perder contra o BF León.
En todo caso, o equipo pontevedrés xa está clasificado matematicamente para disputar os play-off e afrontou o encontro nas Illas Canarias desde a tranquilidade aínda que con ganas de volver gañar.
Con todo, as xogadoras de Mayte Méndez non entraron acertadas á cancha e custoulles coller o ritmo, perdendo ao descanso por un claro 30-16.
Tras o paso polos vestiarios, o Arxil recuperouse e foi unha auténtica apisoadora especialmente por medio de Bernardeco (15 puntos), Nerea Liste (10 puntos), e Margarita Moreira e Cristina Díaz (9 puntos cada unha), logrando desta forma voltear o marcador e chegar ao último cuarto coas espadas no alto (44-46).
O Arxil permitiuse pensar no triunfo e a punto estivo de logralo. Restaba pouco máis de minuto e medio e o marcador mostraba un 58-61, Vila devolveu o empate desde a liña de tres e María Lago errou o último lanzamento das verdes. Traoré devolveu a renda ao Tenerife a falta de nove segundos para a conclusión e as de Mayte Méndez quedaron sen tempo para rascar algo nos últimos instantes, concluíndo o partido co 63-61 final.
Consulta as estatísticas do partido nesta ligazón