O Arxil precisa unha vitoria balsámica

Pontevedra
20 de novembro 2020

As verdes queren resarcirse este sábado, a partir das 19.30 horas no CGTD, da estrepitosa derrota encaixada en Estremadura cun triunfo sobre o Adareva Tenerife

Partido de Liga Femenina 2 entre o Arxil e o AD Cortegada no CGTD
Partido de Liga Femenina 2 entre o Arxil e o AD Cortegada no CGTD / Cristina Saiz

O Arxil recibe este sábado na cancha do CGTD, a partir das 19.30 horas, ao Vega Lagunera Adareva Tenerife coa imperiosa necesidade de regresar á senda da vitoria despois do doloroso tropezo en Estremadura, no que a baixa intensidade defensiva acabounas condenando a unha avultada derrota.

Un rival recentemente ascendido como o canario preséntase como a oportunidade perfecta para curarse as feridas e recuperar as boas sensacións ofrecidas polo equipo durante a pretemporada. Pero para conseguilo, as de Mayte Méndez terán que empregarse a fondo en labores defensivos, faceta que está a ser o talón de aquiles neste inicio de tempada no que o Arxil só puido sumar dúas vitorias por tres derrotas.

Unha dificultade engadida que terán que afrontar as pontevedresas está no aspecto físico, pois moitas xogadoras arrastran molestias musculares derivadas dos golpes recibidos por unhas xogadores ás que lle gusta penetrar a canastra, o que acaba moitas veces en contusións ao estrelarse contra as defensas rivais.

Aínda que, as tinerfeñas contan por derrotas todas as súas saídas do arquipélago, as verdes non deben relaxarse. A internacional nas categorías inferiores de España, Alba Pena, e a capacidade anotadora de Alina Dembele son as principais ameazas das canarias.