O Arxil recupera xornada aprazada en Santiago coa necesidade de gañar

Pontevedra
10 de novembro 2020

Despois de ter encaixado tres derrotas consecutivas, o conxunto pontevedrés visita este mércores a cancha do Rosalía compostelán na busca dun triunfo que lles de aire na clasificación

Partido de Liga Femenina 2 entre o Arxil e o AD Cortegada no CGTD
Partido de Liga Femenina 2 entre o Arxil e o AD Cortegada no CGTD / Cristina Saiz

Tres derrotas consecutivas, fronte a Celta, Universitario Ferrol e Cortegada, deixaron ao Club Baloncesto Arxil nunha situación comprometida na Liga Feminina 2.

As verdes ocupan o posto 13 na clasificación, aínda que con dúas xornadas aprazadas, cun balance dunha vitoria e as tres mencionadas derrotas

Unha desas xornadas suspendidas por mor da Covid é a que debe enfrontarlle ao Rosalía santiagués, e será a primeira que recuperará ao ter previsto desprazarse este mesmo mércores 11 de novembro (21.00 horas) ata a capital galega para enfrontarse a un equipo con aínda máis urxencias, xa que non coñece o triunfo esta tempada.

As pontevedresas márcanse como obxectivo esta semana empezar a sumar en positivo e escalar posicións que lle afasten da zona baixa da táboa nun curso no que a clasificación na Liga Feminina 2 será determinante ante unha esperada reestruturación, e que na práctica pode supoñer o descenso de 28 dos 48 equipos da categoría.

O desprazamento a Santiago de Compostela será o primeiro de dous que deberá afrontar o Arxil esta semana, xa que o sábado 14 visitará ao Plasencia estremeño.