O Arxil renuncia ao ascenso do seu filial a Primeira Nacional

Pontevedra
11 de xullo 2017

O esforzo económico que supoñía o salto de categoría debido aos longos desprazamentos e os problemas que isto supoñía tamén ás xogadoras por motivos laborais ou de estudos fixo ao club tomar a decisión de renunciar ao ascenso

O filial do Arxil celebra o ascenso a Primeira Nacional
O filial do Arxil celebra o ascenso a Primeira Nacional

Despois de meditalo profundamente, o Club Baloncesto Arxil decidiu renunciar ao ascenso do seu filial á Primeira Nacional Feminina ao non presentar a documentación necesaria en tempo e forma na Federación Española de Baloncesto.

"Foi unha decisión moi dura", explican desde o club verde, que se toma pensando no esforzo económico que supoñería competir nunha liga con desprazamentos durante a primeira fase da tempada a Galicia e Asturias e durante a segunda a Castela-León.

Ademais consultouse co plantel, xa que en varios casos esas viaxes supoñen un prexuízo ás xogadoras por motivos de estudos ou laborais, e tívose en conta o desgaste físico que competir en Primeira supoñería para as xogadoras que dobran presenza co equipo de Liga Feminina 2 ou o junior.

Por todo iso o filial arxilista competirá a próxima campaña na Primeira División Galega, que cambia a súa estrutura e estará composta de dous grupos (norte e sur) con seis equipos en cada un deles. Os tres primeiros de cada grupo xogarán despois polo ascenso e os outros tres por permanecer na categoría.

O segundo equipo do Arxil lograra o ascenso despois de superar na eliminatoria definitiva ao Sarria.