O Arxil, xa con Minata Keita no equipo, ponse a proba ante o Universidad de Valladolid

Pontevedra
16 de xaneiro 2014

Non logrou aínda ningunha vitoria nesta tempada e o Arxil está decidido a que tampouco a consiga en Pontevedra. O Universidad de Valladolid, colista de Liga Feminina 2, visita o pabellón do Centro de Tecnificación Deportiva (CGTD) este sábado 18 de xaneiro, ás 19.30 horas. Xógase a décima xornada. O obxectivo das locais é afastarse aínda máis das vallisoletanas, que ocupan a única praza de descenso

Partido entre o Cortegada e o Arxil disputado no Pavillón de Fontecarmoa Diego Torrado

Non logrou aínda ningunha vitoria nesta tempada e o Arxil está decidido a que tampouco a consiga en Pontevedra. O Universidad de Valladolid, colista de Liga Feminina 2, visita o pabellón do Centro de Tecnificación Deportiva (CGTD) este sábado 18 de xaneiro, ás 19.30 horas. Xógase a décima xornada. O obxectivo das locais é afastarse aínda máis das vallisoletanas, que ocupan a única praza de descenso.

Non será, en todo caso, unha empresa doada. Aínda que non gañou partido esta tempada, a piques de facelo estivo esta fin de semana, no primeiro partido tralo parón de Nadal. Perdeu na casa ante o León por 62-64, tras un espectacular último cuarto onde lle meteu ao Aros un 24-3.

Iso demostra, segundo o director deportivo do Arxil, Lino Vázquez, que as súas xogadoras "están en forma" e que son un equipo "que xoga moi ben por fóra a bóla e que se ten o día pódente amargar". Especial coidado terán que poñer as pontevedresas con Paula Vicente, Emilia Matasanz e Cristina Salinas, as tres xogadoras máis perigosas das vallisoletanas. As tres sumaron 45 dos 62 puntos marcados polo equipo a xornada pasada.

Outro atractivo especial deste partido é que será o único que o Arxil disputará en casa durante todo o mes de xaneiro. Os seus próximos dous encontros serán como visitantes, primeiro en Cáceres e posteriormente en Ferrol. Ademais, debutará Minata Keita, a fichaxe máis recente do club, e xogará por primeira vez en casa María Martínez, que xa debutou en Vilagarcía.

Con respecto ás xogadoras lesionadas, o equipo de Mayte Méndez foi recuperando ás súas baixas como Cristina Diaz, Sandra Entenza, Carla Ferlández ou Jara Tuda, aínda que está última aínda ten certas molestias. No aspecto negativo é dúbida Fany López por molestias nun dedo e, por suposto, María Quiroga. A xogadora arxilista será operada esta tarde no Hospital Dominguez da súa operación de xeonllo.