O Club Baloncesto Arxil xa coñece onde se xogará o ascenso á Liga Feminina Challenge, a segunda categoría do baloncesto nacional. A Federación Española de Baloncesto elixiu a proposta do Melilla Sport Capital La Salle para acoller a fase final de Liga Feminina 2, da que sairán os dous ascensos. O torneo disputarase no pavillón Guillermo García Prezzi do 21 ao 24 de abril.
O conxunto verde solicitara a organización deste playoff en Pontevedra, pero finalmente o ente federativo concedeullo á cidade de Melilla.
O sistema de competición desta fase final será idéntico ao das tempadas anteriores. Oito equipos, os catro mellores de cada grupo da liga regular, serán encadrados en dous novos grupos nos que disputarán unha fase de todos contra todos. Os dous primeiros clasificados accederán ás semifinais e serán os vencedores destas semis os que certifiquen o ascenso.
Esta fin de semana decidiuse o último aspirante á promoción, que foi precisamente o Melilla Sport Capital La Salle. O resto do cadro compóñeno o ISE CB Almería, o Vega Lagunera Toyota Adareva, o CB Arxil, o Fustecma NBF Castelló, o Unilever Viladecans, o GEiEG e o Anagan Stadium Casablanca.