O ascenso, máis preto para tres árbitros pontevedreses

Pontevedra
05 de maio 2018

Estarán presentes esta fin de semana na IV Fase do Programa de Talentos do Comité Técnico de Árbitros na que estarán en xogo os ascensos a Segunda División  B, ademais dos ascenso a Segunda A en caso de colexiados asistentes

Anxo Fariña Biasi, Daniel Pastoriza Iglesias e Alberto Gómez Lameiro
Anxo Fariña Biasi, Daniel Pastoriza Iglesias e Alberto Gómez Lameiro

A Cidade do Fútbol de Las Rozas acolle esta fin de semana, os días 5 e 6 de maio, a IV Fase do Programa de Talentos do Comité Técnico de Árbitros, na que estarán presentes ata tres colexiados pontevedreses que se manteñen na pelexa polo ascenso.

Alberto Gómez Lameiro e Daniel Pastoriza Iglesias son os dous xuíces de Terceira División do CTA de Pontevedra que se manteñen na carreira por lograr subir á Segunda División B.

Un total 54 árbitros de toda España someteranse a un esixente curso de selección, onde terán que afrontar exames técnicos e de vídeo referentes ás regras de xogo, probas físicas, exame de redacción de actas, proba de lingua inglesa e test psicotécnicos.

Ademais Anxo Fariña Biasi é un dos 23 colexiados asistentes seleccionados para someterse a un control físico-técnico, tras o que os mellores clasificados lograrán o ascenso á Segunda División A.

A representación galega nas xornadas complétana o árbitro principal Iván Abel Bruzos (Lugo), o asistente Fabián Blanco Rodríguez (A Coruña) e a colexiada Beatriz Cuesta Arribas (A Coruña) que aspira a subir á Primeira División Feminina.