O Atlético Astorga, un equipo moi diferente ao que visitou Pasarón

Pontevedra
03 de marzo 2016

O cadro leonés aproveitou o mercado invernal para realizar unha profunda renovación no plantel, con ata seis fichaxes, e o cambio comezou a dar resultados. Recibirán ao Pontevedra o vindeiro sábado tras sumar 10 dos últimos 12 puntos en xogo

Partido entre Pontevedra e Atlético Astorga en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Atlético Astorga en Pasarón / Diego Torrado

O Pontevedra prepárase para afrontar un complicado desprazamento a próxima xornada ligueira, na que visitará La Eragudina, estadio do Atlético Astorga (sábado, 18:00 horas).

Ás reducidas dimensións do terreo de xogo, que preocupan a Luisito e o seu corpo técnico, únese ademais que o cadro leonés chega á cita no seu mellor momento da tempada.

Tras realizar unha profunda renovación no mercado invernal, o conxunto 'maragato' sumou 10 dos últimos 12 puntos en xogo, con tres triunfos ante Sporting B, Peña Sport e un dos favoritos ao play-off como a UD Logroñés, e un empate ante o Izarra. A xeira positiva permitiulle abandonar os postos de descenso e situarse na décimo quinta praza con 30 puntos, con dous de vantaxe sobre a promoción pola permanencia e a catro do descenso directo.

O certo é que o Astorga ten pouco que ver co equipo que perdeu na primeira volta en Pasarón por dous goles a un, despois de adiantarse no marcador e ver como o Pontevedra remontaba na segunda metade.

Durante o período invernal de fichaxes, o equipo adestrado por Paulino incorporou seis novos futbolistas co claro obxectivo da permanencia: os porteiros Romero (Rapid Bucarest) e Fernando Ribas (Ponferradina), o centrocampista Héctor Taranilla (Mérida), o central Uxío Marcos (sen equipo) e os atacantes Iago Beceiro (Ponferradina) e Juan Pablo Barros (Racing de Ferrol).

Consciente de todo iso é Luisito, que perderá para a cita por lesión a Edu Sousa e a Capi e ademais non poderá contar con Pablo Carnero, pero polo menos non terá os problemas de efectivos da última xornada ao recuperar a Jacobo, Bello, Hugo e Adrián. Pola súa banda o equipo leonés non poderá contar co defensor Juanra, sancionado por acumulación de amoestacións.