O Atlético de Madrid, principal novidade no cartel do XXI Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín

Pontevedra
12 de xuño 2019

A fase final do torneo internacional organizado polo EF Portero 2000 vivirá a súa 21ª edición o sábado 15 e o domingo 16 de xuño na Xunqueira

Presentación do XXI Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Fútbol 7 Benxamín
Presentación do XXI Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Fútbol 7 Benxamín / Mónica Patxot

Co mes de xuño regresa unha cita clásica dentro do calendario deportivo municipal, a fase final do Torneo Internacional Ciudad de Pontevedra de Fútbol 7 Benxamín organizado pola EF Portero 2000.

O complexo deportivo da Xunqueira será escenario o sábado 15 e o domingo 16 de xuño da 21ª edición da competición, apadriñada nesta ocasión por Jorge Otero e na que aparece como novidade o regreso do Atlético de Madrid.

Xunto ao cadro madrileño repetirán canteiras prestixiosas do fútbol galego, nacional e portugués como o RC Celta, RC Deportivo, Athletic Club, Real Sociedad, Real Sporting, SL Benfica e Sporting Clube de Portugal. Ademais completan o cartel o club anfitrión e os chegados da fase previa, é dicir, Pontevedra CF, Arosa SC, ACD A Seca, Bertamiráns FC, Victoria CF, Pabellón CF e Cristo Victoria SD.

O torneo iniciarase ás 10:00 horas do sábado cos partidos da fase de grupos, que se prolongará ata as 18:00 horas, cando comezarán as eliminatorias. O domingo pola súa banda, desde as 9:30 horas disputaranse os encontros definitivos coa final ás 13:30 horas.

Os catro grupos de competición quedaron encadrados da seguinte maneira:

  • Grupo A: Atlético de Madrid, Real Sociedad, Portero 2000, ACD A Seca.
  • Grupo B: Benfica, Athletic Club, Arosa, Victoria CF.
  • Grupo C: Celta, Sporting Portugal, Pontevedra CF, Pabellón CF.
  • Grupo D: Deportivo, Real Sporting, Bertamiráns, Cristo Victoria.