O Bádminton Ravachol comeza a planificar a súa quinta tempada consecutiva en División de Honra

Pontevedra
24 de maio 2024

Tras o éxito que supuxo a primeira participación da súa historia no play-off polo título de liga, o conxunto pontevedrés empezouse a mover pensando no próximo curso, poñéndose como prioridade manter o bloque do equipo. O capitán Gabriel Fernández, primeira renovación

Xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Oviedo no CGTD
Xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Oviedo no CGTD / Cristina Saiz

Tras o éxito que supuxo a primeira participación da súa historia no play-off polo título de liga, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra empezouse a mover pensando no próximo curso.

Fíxoo co obxectivo de manter o bloque que tan bos resultados lle deu, empezando pola renovación do capitán Gabriel Fernández, primeira confirmada no plantel.

"Volverá ser peza fundamental do equipo e seguirá a regalar grandes momentos como os vividos a tempada pasada. Moita parte do histórico terceiro posto debémosllo a el", recoñece o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.

Outra peza preto de asegurarse é a da mellor xogadora da liga 23/24, Georgina Bland, "coa que practicamente confirmamos a súa continuidade".

"A nosa idea é renovar á práctica totalidade do equipo que conseguiu o bronce a tempada anterior, e a prioridade está a ser traballar nesas renovacións, pero non descartamos algunha nova incorporación que nos complemente nalgún dos puntos débiles do equipo", explica o responsable técnico do equipo pontevedrés.

Por último en canto aos obxectivos da entidade Jesús Pereiro defendeu que "temos un gran equipo e vimos de realizar un enorme resultado, pero hai que manter os pés no chan, estamos moi lonxe dos grandes presupostos da liga e o noso obxectivo volverá ser a permanencia. Se as cousas volven saír ben, haberá tempo para reformular obxectivos e volver soñar".