O Bádminton Ravachol comeza coas renovacións no seu equipo de Primeira Nacional

Pontevedra
26 de xuño 2019

Alejandro Nogueira e Manuel Brea son os primeiros xogadores en renovar co conxunto pontevedrés, que tentará no seu segundo ano na categoría pelexar de novo polos postos de ascenso

Alejandro Nogueira e Manuel Brea, xogadores do Club Bádminton Ravachol

O Club Bádminton Ravachol púxose ao choio na planificación do que será o seu segundo proxecto na Primeira Nacional.

Tras quedar ás portas de pelexar polo ascenso de categoría, os pontevedreses queren volver á carga, e comezaron anunciado dúas importantes renovacións.

Alejandro Nogueira e Manuel Brea continuarán no equipo, despois de ser durante o último ano pezas básicas no mesmo.

Actualmente, Brea ocupa a terceira posición no ranking nacional absoluto, mentres que Nogueira está no posto 12. Na modalidade de dobres son ademais actuais medalla de bronce no Campionato de España.

No caso de Manuel Brea, que acaba de concluír os seus estudos de Ciencias da Actividade Física e Deporte, ademais do seu papel como deportista vincularase á estrutura técnica do club, onde asumirá novas responsabilidades.

Por outra banda o Ravachol traballa en dar continuidade ás renovacións asegurando a continuidade de Ana Carbón e Raquel Miguens, que contan con ofertas de equipos de División de Honra, mentres que Iván Darriba causará baixa.