O Bádminton Ravachol pecha a fichaxe da británica Georgina Bland

Pontevedra
04 de agosto 2020

A xogadora británica, que ocupa o posto 32 no ranking europeo, chega para reforzar a parcela máis débil do equipo pontevedrés, o individual feminino.

O Bádminton Ravachol Pontevedra ficha á inglesa  Georgina  Bland, número 32 do ranking europeo
O Bádminton Ravachol Pontevedra ficha á inglesa Georgina Bland, número 32 do ranking europeo / Bádminton Ravachol Pontevedra

O primeiro equipo do Ravachol Pontevedra segue sumando pezas para o seu debut na máxima categoría do badminton estatal. Este martes o club fixo oficial a incorporación de Georgina Bland, unha fichaxe que leva xestando desde o mes de xullo cando o director deportivo, Jesús Pereiro, viaxou a Londres para entrevistarse con varios xogadores que interesaban para reforzar o persoal.

Nesa misión polas illas británicas fraguouse a contratación de Bland, que chegará a Pontevedra procedente do BC Junglinster, campión de Luxemburgo e clasificado para a Copa de Europa de clubs do 2019.

A xogadora inglesa é unha habitual no circuíto internacional e actualmente atópase na posición 32 do ranking europeo e 160 da clasificación mundial absoluta en individual feminino.

Nos últimos anos conseguiu numerosas medallas no circuíto europeo como a prata no internacional de Croacia en 2017 ou os bronces de Lituania e Holanda en 2019. Ademais proclamouse subcampioa inglesa a nivel absoluto nos anos 2018 e 2019.

Aos seus 28 anos, no Ravachol confían na achega de Bland para afianzar ao equipo na máxima categoría nacional, posicionándose como unha das referencias da liga, e reforzando ao equipo nunha das posicións máis debilitadas como era o individual feminino.

A súa chegada supón todo un logro para a dirección de club, que leva meses traballando no novo proxecto, tanto na procura de reforzos como de patrocinadores que fagan viable a disputa da máxima categoría nacional. A este respecto, a crise sanitaria provocou a perda do contrato de patrocinio de Glassdrive Autolunas despois de tres anos de colaboración entre ambas as entidades.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora