A tempada 2019-2020 quedou agora si finiquitada definitivamente para o baloncesto galego, despois da decisión adoptada pola Asemblea Xeral da Federación Galega de Baloncesto.
Segundo o organismo federativo, a maioría dos asembleístas acordaron non continuar coas competicións suspendidas, pechando as ligas sen que se coroen campións nin se produzan descensos.
No caso de aquelas ligas que tivesen establecidos ascensos, a Federación acordou que se disputen fases clasificatorias "no futuro, en forma e data a determinar", o que coloca probablemente o horizonte nas semanas previas ao comezo da seguinte tempada, cando as condicións sanitarias permitan retomar a actividade con seguridade.
"Encaramos unha situación que a Federación Galega de Baloncesto nunca quixera ter que afrontar, pero a prioridade neste intre é a saúde de todos", sinala nun comunicado o organismo.
Pechado definitivamente o curso, agora queda por decidir algo non menos complicado, como quedarán configuradas as competicións a próxima tempada e cales serán as súas bases. Neste aspecto a federación autonómica sinala que tanto a xunta directiva como a comisión delegada continuarán traballando no novo escenario deportivo e nas medidas necesarias "para protexer ao baloncesto galego e aos seus clubs #ante o novo escenario sanitario, deportivo e estrutural que debemos afrontar".