A Liga Asobal non descansa nin por entroido, e no medio da programación festiva do Mércores de Cinza a Sociedad Deportiva Teucro afronta unha nova xornada de liga recibindo ao Anaitasuna navarro.
O Pavillón Municipal dos Deportes será escenario este mércores (20:30 horas) do choque en partido adiantado da xornada 18 pola participación dos de Pamplona en competición europea.
Chega a Pontevedra o actual quinto clasificado da competición ligueira, un plantel "con un enorme potencial", avisa Quique Domínguez, pero que non atravesa o seu mellor momento ao encadear un empate ante o Guadalajara e unha derrota en Granollers nas dúas citas disputadas en 2018.
"Están inmersos en una racha muy negativa, con 4 puntos ganados de los últimos 18, pero aún así vienen de hacer un gran partido en Copa EHF", sinala o técnico pontevedrés.
O cadro teucrista comparece nunha situación contraria, reforzado polo seu gran inicio de segunda volta coa vitoria ante o Zamora na casa e o meritorio empate en Guadalaxara, por iso aínda que "no hemos tenido mucho tiempo de recuperación", recoñece Samu Gómez, "tanto mentalmente como físicamente estamos preparados para luchar de tú a tú".
Os azuis fíanse á súa fortaleza cando xogan como locais para pelexar por uns puntos que poderían deixar moi preto o obxectivo da permanencia, máxime tendo en conta que xa estiveron preto de dar a sorpresa no choque da primeira volta.
Quique Domínguez segue sen poder contar para a cita con Carlos García por lesión, ademais de Óscar Silva e Rial, mentres que o Anaitasuna adestrado por Juanto Apezetxea conta coas dúbidas de Mikel Aguirrezabalaga e do brasileiro Gabriel Ceretta.
Os colexiados designados para dirixir o encontro son o madrileño Monjo Ortega e o valenciano Soria Fabián.