Non gañaba o Barco no seu campo de Calabagueiros desde o xa afastado 30 de agosto, cando se impuxo a As Pontes. Volveu facelo dous meses e medio despois ao impoñerse ao Ribadumia (2-0) deixando aos do Salnés nunha delicada situación, compartindo o último posto da táboa con Bergantiños e Ribadeo.
A clave do partido, disputado e sen dominador claro, estivo na expulsión por dobre amarela do xogador aurinegro, Giti, que deixaba aos de Sierra, con máis de 30 minutos por diante, en inferioridade numérica.
A partir dese momento o Barco envorcouse sobre o portal de Manu Táboas, mentres o Ribadumia tentaba defenderse para sumar polo menos un punto que lle servise para aliviar a súa delicada situación clasificatoria.
Os goles chegaban na recta final do choque. Javi Recamán adiantaba aos locais no minuto 80 ao tranformar un penalti, e Mitogo sentenciaba ao fío do tempo regulamentario, facendo que os puntos quedasen en casa por segunda vez esta tempada.