Despois de varios días de incerteza, o Dicsa Modular Cisne xa sabe que terá xornada da Liga Asobal esta fin de semana, recibindo o sábado (20.00 horas) no Pavillón Municipal o Club Deportivo Bidasoa, segundo clasificado da liga.
O cadro irundarra recibiu a última hora do xoves permiso das autoridades para poñer rumbo a Pontevedra. Trátase dun trámite que estaba en dúbida despois de detectar nas probas realizadas ao plantel e corpo técnico esta semana un caso positivo por Covid, que obrigou a suspender o encontro do pasado mércores que debía enfrontarlle ao Benidorm.
Finalmente, tras non sumar máis casos nas últimas horas, A expedición vasca puxo rumbo a Galicia.
A nivel deportivo, tras a boa imaxe mostrada polo Cisne en Valladolid, os de Jabato afrontan outro esixente reto ante "un equipo que ha crecido muchísimo los últimos años y se ha metido en la pelea para ser el primero de los mortales tras el Barcelona", recoñece o segundo adestrador, Quiños.
O técnico asegura que se queren aspirar a puntuar "es importante estar muy bien en defensa para frenar a su primera línea", na que destaca as posibilidades de lanzamento exterior e a conexión cos pivotes.
O aforo do Pavillón Municipal dos Deportes, cumprindo o disposto na actual normativa autonómica, viuse reducido a 30 espectadores cun máximo de 50 no caso de que así o autorice a Dirección Xeral de Saúde Pública.